Thursday 16 de May de 2024

Un cento de persoas conmemoraron o Día da Muller no CPI Ponte Carreira participando na iniciativa “Retrato de Muller”


Un cento de persoas, entre alumnado e profesorado, participaron na exposición “Retrato de Muller”, unha iniciativa para poñer en valor a figura da muller organizada polo Concello de Frades en colaboración co CPI Ponte Carreira e Servizos Integrais de Formación (SIF). “Retrato de muller” é unha iniciativa que pretendía que o alumnado de infantil e primaria reflexionase sobre o papel que xogan as mulleres no desenvolvemento da súa propia vida e na súa comunidade.

Para iso, o Concello de Frades repartiu entre o alumnado un modelo no que os nenos e nenas tiñan que incluír unha foto ou debuxo dunha muller relevante, segundo os seus propios criterios, explicando cunha palabra ou frase o por que desa elección. As gañadoras da iniciativa foron Aroa Louzao Iglesias (educación infantil), que escolleu á súa avoa porque “ten superpoderes”; Lola Martínez Blanco (primeira etapa de Primaria), quen optou pola súa madriña porque “é libre e traballadora”; e Ana Pernas Mato (segunda etapa de Primaria), quen escolleu á súa prima por “ser unha loitadora”.

O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, e o concelleiro de Medio Ambiente, Juan Carlos Portos Bra, foron os encargados de entregar os premios, consistentes nun lote de libros en galego adaptados á idade de cada unha das gañadoras. Así mesmo, repartíronse bolsas de lambonadas entre todo o alumnado participante.